NORMATIVA DE REFERENCIA

– Real Decreto 235/2013 de 5 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación enerxética dos edificios (de carácter básico e ámbito estatal).
– Decreto 128/2016, de 25 de agosto, polo que se regula a certificación enerxética de edificios na Comunidade Autónoma de Galicia. (ámbito autonómico)
– Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Solo e Rehabilitación Urbana (disposición adicional duodécima e décimo terceira).

INFORMACIÓN XERAL
Dende o 1 de xuño de 2013 existe a obrigación de que o promotor ou propietario dun edificio ou parte dun edificio (residencial ou doutros usos) que se constrúa, venda ou alugue encargue a un técnico competente a realización dun certificado de eficiencia enerxética. Os certificados de eficiencia enerxética teñen unha validez de 10 anos. (No artigo 2 do RD235/2013 detállanse algunhas excepcións dos inmobles aos que non lles aplica)

Ademais o promotor ou propietario debe inscribir este certificado no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia Procedemento IN413C (para nova construción) ou IN413D (para edificios existentes), obtendo unha etiqueta de eficiencia enerxética cun número de rexistro. O Decreto 128/2016 do 25 de agosto establece que o rexistro dun certificado farase no prazo dun mes dende a data da súa expedición. Este procedemento é exclusivamente telemático e está xestionado polo Inega que ten habilitada a plataforma RGEEE que permite realizar todas as xestións relacionadas con este tramite (http://appsinega.xunta.es/rgeee/web/).

As etiquetas de eficiencia enerxética dos edificios inscritos no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia, pódense consultar a través da ligazón pública http://appsinega.xunta.es/rgeee/web/consultapublica.php, habilitada na plataforma RGEEE.

A presentación ou posta a disposición dos compradores ou arrendatarios do certificado de eficiencia enerxética debidamente rexistrado, será esixible para os contratos de compravenda ou arrendamento, asinados a partir do 1/06/2013.

Toda oferta, promoción ou publicidade dirixida á venda ou arrendamento dun edificio o parte del debe incluír a etiqueta de eficiencia enerxética emitida polo Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.
(artigo 11.1 do Decreto 128/2016, de 25 de agosto)

Polo tanto, as inmobiliarias están obrigadas a mostrar a cualificación enerxética nos inmobles en aluguer e venda tanto nas súas oficinas e escaparates como nas súas páxinas web e noutras formas de publicidade (redes sociais, prensa, etc). A etiqueta de eficiencia enerxética mostrada debe ter o código de inscrición no Rexistro Galego de Eficiencia Enerxética o que garante que o propietario cumpriu coa obrigación de presentar o certificado de eficiencia enerxética do inmoble ante o órgano competente da Comunidade autónoma para o rexistro do mesmo.

As disposicións adicionais duodécima e décimo terceira do Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Solo e Rehabilitación Urbana, recollen as infraccións e sancións en materia de certificación enerxética de edificios. Establecese:

· Moi graves (sanción entre 1.001 a 6.000€):
a) Falsear a información na expedición ou rexistro de certificados de eficiencia enerxética.
b) Actuar como técnico certificador sen reunir os requisitos legalmente esixidos para selo.
c) Actuar como axente independente autorizado para o control da certificación da eficiencia enerxética dos edificios sen contar coa debida habilitación outorgada polo órgano competente.
d) Publicitar na venda ou aluguer de edificios ou parte de edificios, unha cualificación de eficiencia enerxética que non estea apoiada por un certificado en vigor debidamente rexistrado.
e) Igualmente, serán infraccións moi graves as infraccións graves previstas no apartado 4 (as graves), cando durante os tres anos anteriores á súa comisión fose imposta a o infractor unha sanción firme polo mesmo tipo de infracción.
· Graves (sanción entre 601 a 1.000€):
a) Incumprir as condicións establecidas na metodoloxía de cálculo do procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.
b) Incumprir a obrigación de presentar o certificado de eficiencia enerxética ante o órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de certificación enerxética de onde se sitúe o edificio, para o seu rexistro.
c) Non incorporar o certificado de eficiencia enerxética de proxecto no proxecto de execución do edificio.
d) Exhibir unha etiqueta que non se corresponda co certificado de eficiencia enerxética validamente emitido, rexistrado e en vigor.
e) Vender ou alugar un inmoble sen que o vendedor ou arrendador entregue o certificado de eficiencia enerxética, válido, rexistrado e en vigor, ao comprador ou arrendatario.

f) Igualmente, serán infraccións graves as infraccións leves previstas no apartado 5 (leves), cando durante o ano anterior á súa comisión fose imposta ao infractor unha sanción firme polo mesmo tipo de infracción.
· Leves (sanción entre 300 a 600€):
a) Publicitar a venda ou aluguer de edificios ou unidades de edificios que deban dispoñer de certificado de eficiencia enerxética sen facer mención á súa cualificación de eficiencia enerxética.
b) Non exhibir a etiqueta de eficiencia enerxética nos supostos en que resulte obrigatorio.
c) A expedición de certificados de eficiencia enerxética que non inclúan a información mínima esixida.
d) Incumprir as obrigacións de renovación ou actualización de certificados de eficiencia enerxética.
e) Non incorporar o certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado no Libro do edificio.
f) A exhibición de etiqueta de eficiencia enerxética sen o formato e contido mínimo legalmente establecidos.
g) Publicitar a cualificación obtida na certificación de eficiencia enerxética do proxecto, cando xa se dispón do certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado.
h) Calquera accións ou omisións que vulneren o establecido en materia de certificación de eficiencia enerxética cando non estean tipificadas como infraccións graves ou moi graves.

Respecto ao formato ou contido da etiqueta enerxética nalgúns casos concretos de publicidade, o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital ten publicadas na súa web (http://www.minetad.gob.es/energia/desarrollo/EficienciaEnergetica/CertificacionEnergetica/Paginas/RealDecreto-235-2013.aspx) unha serie de respostas a preguntas frecuentes entre as que se atopa a seguinte:
¿Está permitido modificar o tamaño da etiqueta de eficiencia enerxética na publicidade da venta ou aluguer dos edificios?
Para a inclusión da etiqueta de eficiencia enerxética na publicidade de venta ou aluguer de edificios, a través de folletos ou portais inmobiliarios, permítese o reducir ou agrandar a etiqueta sempre que se manteña o formato e as proporcións establecidas e sexa lexible.
Tamén nestes casos, permitirase que, mantendo o formato e as proporcións, se mostren só as escalas e os valores da etiqueta.

No caso de anuncios de prensa permitirase mencionar só a cualificación enerxética en consumo de enerxía primaria non renovable e en emisións (letra asociada ás mesmas).
Nos carteis de venta ou aluguer que se colocan no exterior dos edificios, nos que só aparece un teléfono de contacto non é necesario que apareza a cualificación enerxética.
Lembre que a non exposición da etiqueta vulnera a lei e os dereitos dos consumidores, impedíndolles comparar a eficiencia dos inmobles á hora de seleccionar un.

Máis información en:
– Instituto Enerxético de Galicia
http://www.inega.gal/eficienciaenerxetica/RGEE/
mail: inega.certificacionenerxetica@xunta.es
Teléfono: 981 54 15 40 / 981 54 15 33
– Ministerio de Enerxía Turismo e Axenda dixital
http://www.minetad.gob.es/ENERGIA/DESARROLLO/EFICIENCIAENERGETICA/CERTIFIC
ACIONENERGETICA/Paginas/certificacion.aspx

Dejar un Comentario

Su correo electrónico no será publicado.